Concello de Mugardos

Actualidade

Apróbase a licenza de apertura dunha nova rúa entre Castelao e Os Corzás

Publicada o Venres 22 de Decembro de 2006 en Urbanismo

A Concellaría de Urbanismo comunica que na última sesión da Xunta de Goberno Local aprobouse a concesión dunha licenza de obra maior a Promociones Varela, SL para a construción dun edificio de 44 vivendas, garaxes e faiados na esquina da Avenida dos Corzás coa rúa de nova apertura que enlazará esta última vía coa Rúa Castelao.

A licenza implicará, por parte da empresa promotora, a apertura desta nova rúa que comunicará as de Castelao e Os Corzás, dunha lonxitude aproximada de 50 metros, ademais da construción dos beirís, unha beiravía, a beirarrúa na marxe que corresponda ao edificio e o asfaltado da calzada.

Segundo afirmou o alcalde, Xosé Fernández Barcia, quen tamén dirixe a área de Urbanismo, esta actuación prodúcese como resultado das negociacións levadas a cabo coa empresa promotora, que xa estaba obrigada, polo Plano Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), a urbanizar a fronte do edificio. “Complementará o desenvolvemento do polígono P-5, coñecido como a Telefónica, que prevé acometer o equipo de goberno, e incluirá en fases posteriores a continuación da rúa até a Praza do Mercado e un aparcamento subterráneo”, dixo o alcalde.

Xa con esta fase inicial melloraranse as condicións do tráfico de vehículos polo centro urbano, ao facilitar o uso do aparcamento da rúa Castelao, que actualmente só ten unha saída e é de dirección única.

Tocante ás propostas que veñen realizando algúns partidos nos últimos anos, de que sexa o Concello quen sufrague a apertura e urbanización destas rúas, Barcia lembrou que o PXOM estabelece que iso lles corresponde ás empresas promotoras, “do mesmo xeito que un particular debe facelo cando constrúe a súa casa”.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2008 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS