Concello de Mugardos

Actualidade /

Quintana e Blanco asinan en Mugardos o protocolo para recuperar o Cine Zárate

Publicada o 29 de Decembro de 2006 en Xeral, Turismo, Cultura, Asuntos Sociais

O vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, acudiron o xoves 28 de decembro a Mugardos para asinar co alcalde, Xosé Fernández Barcia, o protocolo que facultará ao Concello para mercar e rehabilitar o edificio do antigo Cine Zárate.

Nun acto celebrado no Salón de Plenos, ao que asistiron representantes de entidades sociais e numerosos veciños e veciñas, Barcia afirmou que se trataba “dun día histórico para Mugardos”, ao dar comezo así o proceso que conducirá á rehabilitación dun dos edificios máis emblemáticos de Mugardos, e que supoñía “un dos principais obxectivos do equipo de goberno”.

Quintana, pola súa banda, sinalou que o Goberno galego, e en concreto a Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar que el dirixe, estaban a promover a recuperación de edificios singulares por todo o país. “Unha vila como Mugardos, que ten por diante un futuro esplendoroso e que quere mirar cara ao futuro, debe tamén lembrar o seu pasado, e a recuperación do Cine Zárate fará que moitos mugardeses e mugardesas rememoren momentos inesquecíbeis das súas vidas”. O edificio destinarase a múltiples usos, como son un Centro de Día para os maiores, un auditorio para actividades sociais e culturais e infraestruturas turísticas (de aí a colaboración da Consellaría de Innovación e Industria, que ten as competencias de Turismo), “o que converterá Mugardos nun referente na comarca”, dixo.

O vicepresidente explicou que nos vindeiros tres meses o Concello procedería á adquisición da parcela e á redacción do proxecto de obra, co fin de que a principios do ano 2008 os mugardeses e mugardesas poidamos gozar deste novo espazo público.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2010 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS