Concello e Xunta subscriben un convenio para a dinamización informática
Publicada o 29 de Xaneiro de 2007 en Emprego
A Concellaría de Emprego comunica que o Concello de Mugardos e a Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galiza acaban de asinar un convenio para implantar no noso municipio o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información.
Este convenio, cuxa duración é do 22 de xaneiro ao 30 de setembro, permitirá ao Concello dispor dunha bolseira, xa contratada pola Xunta, que se encargará do desenvolvemento tecnolóxico nas zonas rurais e entre as pequenas empresas, sen excluír os demais sectores da sociedade.
Nun primeiro momento, as súas funcións serán as de efectuar un plano de dinamización específico para Mugardos e logo levar a cabo as actividades necesarias para facer chegar as novas tecnoloxías á poboación en xeral. Nesta fase, a dinamizadora estará situada, principalmente, na Aula de Informática do Centro de Formación Francisco Vizoso de Franza, creada hai pouco tempo.
