Concello de Mugardos

Actualidade

Asínase un convenio con Medio Rural para actuacións preventivas contra o lume

Publicada o Mércores 31 de Xaneiro de 2007 en Medio Ambiente

A Concellaría de Medio Ambiente comunica que acaba de asinarse, o pasado día 20 de xaneiro, un convenio coa Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galiza para levar a cabo traballos de prevención e defensa contra incendios forestais en faixas de especial protección.

No marco da nova política preventiva que está a implantar o Goberno galego, a Consellaría que dirixe Alfredo Suárez Canal subvencionará a eliminación de biomasa arbustiva e sub-arbustiva nunha faixa de 25 metros ao redor de edificacións, urbanizacións, obras e instalacións industriais que se atopen próximas ao monte. Nestas faixas as masas arbóreas deberán estar tamén rareadas.

Esta mesma semana técnicos do Distrito Forestal de Ferrol visitaron Mugardos para inspeccionar os lugares nos que se vai actuar. Desde o Concello propuxéronse un total de 25 núcleos a protexer.

Dentro desta campaña, efectuarase tamén a limpeza dos marxes das vías e camiños municipais. É intención tanto da Consellaría como do Concello que esta actuación se realice na tempada inverno-primavera, polo que comezará en vindeiras datas.

O pasado verán o noso municipio viuse afectado por un importante lume declarado en Montefaro, no que arderon dez hectáreas de terreo, e que tardou dous días en ser extinguido.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2008 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS