Concello de Mugardos

Actualidade /

As antigas escolas dos Novás e As Fieiteiras serán rehabilitadas como centros socioculturais

Publicada o 10 de Febreiro de 2007 en Mocidade, Cultura

A Concellaría de Cultura comunica que, logo das xestións levadas a cabo recentemente polo goberno municipal, a Xunta de Galiza acometerá, a través dun convenio, a rehabilitación das antigas escolas unitarias dos Novás e As Fieiteiras, que serán destinadas a actividades socioculturais. Os departamentos autonómicos que prestarán a súa colaboración son a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte e a Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar. As actuacións serán as seguintes:

  • Sala de Ensaio dos Novás: cun investimento de 115.000 €, contará cun local de ensaio insonorizado dotado de batería e medios musicais, así como de almacéns para o material dos grupos e unha sala de usos múltiples con recursos audiovisuais para uso das sociedades veciñais, socioculturais e deportivas. Terá unha reurbanización das áreas axardinadas para uso social (parque infantil e áreas de lecer).
  • Centro Sociocultural das Fieiteiras: cun investimento de 155.000 €, disporá dunha sala de ensaio e dúas salas de usos múltiples para obradoiros e actividades socioculturais e dotacións de recursos de dinamización. Tamén contará cunha área de lecer no contorno do edificio.

Estas actuacións responden, por unha banda, ás necesidades mostradas polos grupos musicais e entidades asociativas de contar con locais de ensaio, reunión e actividades; e por outra banda á política do goberno municipal de recuperar e rehabilitar edificios públicos en estado de abandono para crear infraestruturas e servizos de dinamización sociocultural. Segundo declarou o concelleiro de Cultura, Evaristo Deus, estes dous locais serán o complemento idóneo para o incremento notábel que se veu producindo nas actividades culturais, deportivas e de mocidade ao longo do presente mandato.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2010 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS