O Concello cede á Xunta os terreos para as canalizacións da futura EDAR
Publicada o 27 de Febreiro de 2007 en Medio Ambiente
A Concellaría de Medio Ambiente comunica que na última sesión plenaria se acordou autorizar á Xunta de Galiza a utilizar os terreos de titularidade municipal que precise para instalar as canalizacións da estación depuradora de augas residuais, que a administración autonómica pretende licitar en breve.
No proxecto da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel prevese unha única instalación para tratar as augas residuais dos concellos de Mugardos, Ares e Fene, que estará situada en Punta Avarenta, en territorio aresán, fóra da Rede Natura que protexe outras zonas como Chanteiro. Os tres concellos procederán agora a mercar a parcela na que se instalará a EDAR.
A obra será financiada integramente pola Xunta, e terá un prazo de execución de 18 meses unha vez adxudicada. Nos futuros custos de explotación e xestión da EDAR deberán participar os concellos. A depuradora terá capacidade para tratar de xeito unitario as augas residuais do casco urbano mugardés, aínda que a separación de pluviais permitirá aforrar en custos de tratamento e optimizar o seu funcionamento. No deseño do trazado das canalizacións tentouse restrinxir ao mínimo os bombeos.
Con esta autorización de utilización de terreos, a Xunta pode xa rematar o proxecto. Segundo ten comunicado a Consellaría, a depuradora deberá entrar en servizo antes do remate da presente lexislatura autonómica, para cumprir tamén coas directrices ambientais da Unión Europea.
O concelleiro de Medio Ambiente mugardés, Moisés Rivadulla, subliñou a relevancia que esta actuación suporá para a calidade das augas “dunha ría tan castigada como a nosa, e marcará un antes e un despois para sectores como o marisqueo ou o turismo, por non falarmos da saúde da poboación en xeral”.
Mugardos xa ten impulsado modestas iniciativas neste senso, como a implantación da recollida selectiva de aceites de cociña e as limpezas periódicas dos fondos mariños no peirao, que permitiron retirar até o de agora arredor de dez toneladas de residuos do fondo do mar.
