O Plano Estratéxico da Sociedade da Información ten como meta diminuír a fenda dixital en Mugardos
Publicada o 2 de Marzo de 2007 en Xeral, Emprego, Educación
O pasado día 28 de febreiro presentouse en Mugardos o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información. Este plano lévase a cabo desde a Consellaría de Innovación e Industria en colaboración co Concello. O seu obxectivo principal é o de diminuír a fenda dixital que está a sufrir Galiza entre as persoas que teñen e coñecen as novas tecnoloxías e aquelas que non teñen acceso ou non saben utilizar estes recursos.
Para poder desenvolvelo cóntase coa Axente de Desenvolvemento Local e cunha Dinamizadora Dixital, que será a encargada de xestionar as aulas abertas de informática, activar a poboación no ámbito das novas tecnoloxías e levar a cabo diversos obradoiros de iniciación á informática, Internet, busca de emprego ou memoria, así como obradoiros temáticos específicos para cada colectivo.
Este plano está destinado á poboación en xeral, e aos diversos colectivos en particular. Por este motivo, á presentación convocouse ás distintas asociacións existentes no municipio, así como aos particulares interesados no tema.
Na xuntanza fíxose público o horario que terán as Aulas Abertas de Informática:
- Aula de Mugardos (Casa da Cultura): luns e martes de 16 a 21 horas.
- Aula de Franza (Centro de Formación Francisco Vizoso): mércores de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas e os xoves de 16 a 21 horas.
