Portos de Galiza estuda ampliar a capacidade dos pantaláns de Mugardos
Publicada o 16 de Marzo de 2007 en Servizos
O ente público Portos de Galiza acaba de facer unha convocatoria pública para a presentación de solicitudes de autorización de atracada para embarcacións en prazas vacantes no pantalán de Mugardos.
Con data 15 de xaneiro de 2007 (DOG nº 10, páx. 601) publicouse no Diario Oficial de Galiza o anuncio de apertura dunha convocatoria pública para a presentación de solicitudes de autorización de atracada para o porto de Mugardos.
O obxecto desta convocatoria, que aínda permanece aberta, era a cobertura de doce (12) prazas vacantes no pantalán que se acaba de instalar no novo peirao de Punta Ratón, que non foron cubertas con embarcacións de 3ª e 4ª lista, quedando así dispoñíbeis para embarcacións da 7ª lista.
Dado que con data de hoxe, transcorrido menos dun mes desde a apertura da convocatoria, o número de solicitudes ten xa superado abondo as prazas dispoñíbeis, Portos de Galiza está a estudar a posibilidade de proxectar unha ampliación das prazas en pantaláns de Mugardos.
O motivo do presente anuncio non é outro que lembrar a todos os interesados en dispor dunha praza de amarre en Mugardos que a convocatoria aberta con data 15/01/2007 segue vixente, e instalos máis unha vez a formularen a correspondente solicitude e, sempre que cumpran coas bases da convocatoria, a formaren parte dunha lista de espera.
A devandita lista de espera será tida en conta por Portos de Galiza para:
- A cobertura das posíbeis vacantes que se produzan no pantalán actualmente existente.
- O dimensionamento das posíbeis ampliacións dos pantaláns.
- A asignación de novas prazas de amarre que para a 7ª lista se poidan construír en Mugardos nun futuro (sempre que as características da embarcación se axusten ás futuras instalacións).
Pode obterse máis información dirixíndose á Zona Centro de Portos de Galiza, Alférez Provisional 5 1º Teléfono: 981 182 626 – Fax: 981 182 625 www.portosdegalicia.com 15006 A Coruña
