Concello de Mugardos

Actualidade

Arden case dez hectáreas en Montefaro

Publicada o Mércores 16 de Agosto de 2006 en Medio Ambiente

O lume declarado o pasado mércores 9 de agosto en Cervás, e que se propagou por Montefaro, saldouse con 203,76 hectáreas de monte queimado, das que 9,46 corresponden a territorio mugardés e o resto a Ares, segundo datos fornecidos pola Concellaría de Medio Ambiente de Mugardos.

O xoves día 10, o Concello de Mugardos mobilizou todo o seu persoal non administrativo dispoñíbel para combater o lume: máis de 20 operarios, entre persoal de servizos múltiples, limpeza de praias, albaneis, pintores, etc., apoiados por unha pa escavadora e dous tractores, abriron dous cortalumes en Montefaro, un deles na zona do antigo vertedoiro e outro á altura do Castelo da Palma, para tentar deter o avance das chamas, ademais de protexer o perímetro das antenas e algunha vivenda. Parte do persoal (Policía Local, Protección Civil e outros) xa estivera axudando desde a tarde do mércores.

Esta contribución aos medios que a Xunta tiña despregados (varias cuadrillas e motobombas) resultou ser decisiva, xa que foi o segundo cortalumes (logo de que o lume bordeara o primeiro, sen o superar) o que permitiu extinguir o incendio contra as 2:00 da mañá do venres.

O concelleiro de Medio Ambiente de Mugardos, Moisés Rivadulla, quen estivo á fronte do operativo municipal, deu as grazas a todas as persoas que contribuíron a apagar o lume, e sinalou que este fora provocado. “Apareceron varios focos ao mesmo tempo en lugares nos que era imposíbel que saltase lapa ningunha”, dixo. Respecto á vaga de lumes que asolou Galiza estes días, Rivadulla afirmou: “O que permite aos terroristas incendiarios que prenderon estes lumes ter tanto éxito é o estado no que se atopa o rural galego, logo de tantos anos de políticas de abandono. A nova Xunta ten outro modelo forestal, e dentro de pouco comezaremos a ver os seus efectos. Agora o importante é a colaboración de todos e todas para combater o lume e denunciar os pirómanos”.

O luns 14 declarouse outro pequeno lume en Pontellas, que foi rapidamente extinguido entre persoal municipal e veciños da zona, queimándose vexetación baixa nuns vinte metros ao longo dunha marxe da estrada.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2009 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS