Publicada o Mércores 28 de Marzo de 2007 en Obras
A Concellaría de Obras comunica que a Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galiza vai subvencionar con 75.660,03 € o acondicionamento de varias vías de titularidade municipal.
Desta cantidade, 26.422,39 € corresponden aos camiños Castelo da Palma-O Segaño e A Redonda-Montefaro, que o Concello pedira á administración autonómica a raíz do deterioro sufrido polo intenso tráfico de vehículos que ocasionou o lume declarado no verán. Logo da avaliación por parte dos técnicos enviados pola Consellaría, a solicitude acaba de ser estimada. A actuación a realizar nestes dous camiños consistirá no perfilado das cunetas, o rebacheo e a aplicación dunha nova capa de firme, mediante asfaltado en frío.
Os restantes 49.237,64 € dedicaranse, no marco do Programa Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural, a asfaltar con aglomerado en quente varios camiños nos lugares do Seixo (contorna do Campo do Río, o camiño que une as avenidas do Seixo e Bello Piñeiro, A Marnela, e parte do Xuncedo) e O Galiñeiro. Neste caso realizarase un asfaltado en quente de 6 cm. de espesor medio.
É intención tanto do Concello como da Consellaría do Medio Rural que as obras se poidan executar nesta primavera.