Publicada o Sábado 31 de Marzo de 2007 en Servizos, Obras
A Concellaría de Obras comunica que a Deputación da Coruña aprobou onte destinar unha partida de 350.000 € á 2ª fase da auga de Franza. Esta cantidade, suplementada cun 20% que achegará o Concello, permitirá sufragar os 443.919,47 € do proxecto cos que se completará o abastecemento a esta zona.
O Concello debe aprobar agora unha modificación de crédito para asumir a cantidade orzamentaria que lle corresponde, e poder así asinar o convenio coa Deputación que permitirá que este servizo básico chegue a todas as casas de Franza. O prazo de execución dos traballos é de cinco meses a partir do seu inicio, co que poderían estar rematados no verán. O departamento que dirixe Moisés Rivadulla sinala tamén que este mesmo mes concluiu, a falla de realizar tres conexións na estrada principal, a primeira fase, por un importe aproximado de 275.000 €, no marco do Plano Operativo Local (POL) da Deputación.
O goberno local ten así mesmo previsto adxudicar en abril, unha vez que se peche a liquidación orzamentaria de 2006, integramente con fondos municipais e con cargo ao remanente de tesouraría, a 1ª fase do abastecemento de auga a San Xoán de Piñeiro, tramo A Gallada-Limodre, por un importe de 200.000 € e cun prazo de execución de dous meses.
Franza e San Xoán eran as dúas parroquias mugardesas que até o de agora carecían da subministración de auga, unha reivindicación histórica dos seus veciños e veciñas.