Concello de Mugardos

Actualidade /

Apróbase a ordenanza reguladora de axudas á rehabilitación do casco antigo

Publicada o 16 de Abril de 2007 en Urbanismo

O Concello de Mugardos comunica que no último Pleno ordinario foi aprobada a Ordenanza Reguladora das Axudas á Rehabilitación do Edificios, Vivendas e Urbanización no Ámbito das Áreas de Rehabilitación, último paso para emprender a recuperación dos cascos antigos de Mugardos e O Seixo, logo do estudo sobre o estado da edificación e a súa declaración como Área de Rehabilitación Integral por parte da Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza.

Esta ordenanza regulamenta os criterios e procedementos a seguir para acceder ás axudas públicas á rehabilitación, en desenvolvemento do convenio asinado entre o Ministerio da Vivenda, a Consellaría e o Concello. Os programas de actuación subvencionados abranguen a rehabilitación de vivendas e edificios e os elementos comúns destes, así como obras de urbanización.

A partir de agora, os propietarios das vivendas situadas nestas rúas poden xa solicitar axudas para a súa rehabilitación, o que fará que en pouco tempo comece a cambiar o seu aspecto.

O total de vivendas nos cascos antigos son 384, repartidas en 263 edificios, e nun total de 9,62 ha, 7,35 en Mugardos e 2,27 no Seixo. Destas 384 vivendas, un 31% atópanse en bo estado, un 56% en estado regular e un 13% en estado malo ou ruinoso.

O índice de ocupación é relativamente alto, dun 60% (a xeito de comparación, nos concellos de Santiago, Ourense e A Coruña é de 70%, 30,7% e 19,5% respectivamente). Isto sitúa a Mugardos nunha situación favorábel, xa que o obxectivo consiste agora en fixar a poboación máis ca en atraela.

A ordenanza completa pode consultarse na sección de documentos desta páxina web. O alcalde, Xosé Fernández Barcia, afirmou na presentación pública da ordenanza: “Trátase dun día histórico para Mugardos, porque a partir de agora, e despois de moitos anos de deterioro, empezará a reverter a situación na que estaba unha das zonas máis emblemáticas da nosa vila como é o casco antigo. É a culminación dun dos principais obxectivos que tiña o equipo de goberno para este mandato”.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2010 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS