Concello de Mugardos

Actualidade /

O Barco da Memoria atraca no Ratón

Publicada o 18 de Agosto de 2006 en Cultura

O Barco da Memoria Hidria II, fretado pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galiza co obxectivo de promover a recuperación da memoria histórica do período comprendido entre o golpe militar de 1936 e a conseguinte ditadura fascista que durou máis de corenta anos, fará escala en Mugardos catro días, durante os que se realizarán diversas charlas e exposicións.

O programa de actos, segundo información facilitada pola Concellaría de Cultura de Mugardos, é o seguinte:

- Sábado 19 de agosto:

* Acto institucional de recepción do Barco da Memoria Hidria II no peirao novo de Mugardos (zona do Ratón), escoltado por diversas embarcacións locais (13:00) * Instalación do panel “Vítimas mugardesas da represión franquista” * Exposición no Barco da Memoria (11:00-14:00 e 16:00-22:00) * Actuación da Banda de Gaitas de Ares

- Domingo 20 de agosto:

* Descubrimento da placa conmemorativa en lembranza das persoas que, pola súa defensa da liberdade, foron vítimas da represión franquista * Exposición no Barco da Memoria

- Luns 21 de agosto:

* Mesa redonda: “Mugardos: Alzamento, represión e resistencia” (19:30) * Exposición no Barco da Memoria * Exposición “Moncho Valcarce” (do 21 de agosto ao 10 de setembro na Casa da Cultura)

- Martes 22 de agosto

* Despedida do Barco da Memoria

O concelleiro de Cultura de Mugardos, Evaristo Deus, salientou a importancia desta iniciativa: “Servirá, ademais de lembranza para as novas xeracións, de homenaxe a todos cantos sufriron durante esta etapa negra da nosa historia”, dixo. No acto de recepción do barco, o alcalde de Mugardos, Xosé Fernández Barcia, insistiu en que “o recoñecemento é para os que fixeron posible que esteamos hoxe convivindo democraticamente” e mostrouse convencido de que “isto tiña que terse feito antes. Déronse as condicións pero faltou a valentía política”, afirmou o rexedor local, que tamén tivo palabras de lembranza para algúns dos protagonistas da resistencia de Mugardos contra o alzamento. “Ogallá a liberdade e a democracia convivan connosco para sempre, con tolerancia, diálogo e en paz”, rematou Barcia

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2010 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS