Concello de Mugardos

Actualidade /

Apróbanse a adquisición do local para maiores e a modificación de crédito para trasladar o cuartel da Garda Civil

Publicada o 16 de Maio de 2007 en Asuntos Sociais

A Concellaría de Asuntos Sociais comunica que na Xunta de Goberno deste mércores aprobouse, unha vez rematado o proceso de concurso público, a adquisición dun local social para maiores, situado no número 1, baixo da rúa Castelao. Conta con 250 m2, e o seu prezo foi de 184.000 €, sufragado integramente con fondos municipais. O Concello procederá agora a elaborar un proxecto de acondicionamento e un plano de usos, co fin de que poida entrar en servizo xa no verán.

Este local, sumado á rehabilitación do Cine Zárate como centro de día e á vivenda sociocomunitaria, dotará a Mugardos dunhas infraestruturas de primeira categoría coas que atender as necesidades dos nosos maiores. A antiga Cámara Agraria de Franza tamén será rehabilitada para transformala nun centro cívico, cun proxecto xa aceptado pola Consellaría do Medio Rural, titular das instalacións.

Do mesmo xeito, no Pleno celebrado hoxe aprobouse unha modificación de crédito ao orzamento en vigor por importe de 20.000 € coa que acondicionar o local municipal da rúa O Peteiro nº 7, no que se instalará temporalmente o cuartel da Garda Civil, mentres duren as obras das vivendas sociais, de inminente inicio. A proposta do equipo de goberno tivo 4 votos a favor (BNG), 3 en contra (2 IpM, 1 IU) e 5 abstencións (2 PSOE, 2 non adscritos, 1 PP). Este trámite era imprescindíbel para podermos levar a cabo a demolición do actual cuartel nas Casas Baratas.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2010 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS