Repararanse integramente os camiños do Segaño e Montefaro
Publicada o 27 de Xuño de 2007 en Obras
A Concellaría de Obras comunica que a Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes da Xunta de Galiza acaba de conceder ao Concello unha subvención de 26.422,39 € para levar a cabo o acondicionamento dos camiños Castelo da Palma-O Segaño e A Redonda-Montefaro (en ambos os dous casos, até o límite do termo municipal), ao abeiro das axudas estabelecidas para paliar os danos causados polos incendios forestais que asolaron o país en agosto de 2006.
Estes dous camiños, que xa non estaban nun estado óptimo, soportaron un intenso tráfico durante eses días, o que deixou o seu firme en mal estado. A actuación que se fará agora consistirá nun rebacheo, un rego e o perfilado das cunetas.
É intención desta concellaría que as obras se contraten decontado e poidan levarse a cabo na primeira quincena de xullo.
