Publicada o Venres 13 de Xullo de 2007 en Xeral, Urbanismo
O Pleno do Concello, nunha sesión extraordinaria e urxente celebrada o sábado 7 de xullo, acordou iniciar os trámites para reclamar a Inmobiliaria Mahía SL os terreos que ocupa o Pazo das Condesas no Baño, xunto coa propia edificación, adquirida por esa empresa a unha entidade bancaria hai uns anos.
O proceso iníciase cos votos a favor do BNG, a abstención de PSOE e PP e o voto en contra de IU e IpM. O expediente pretende anular a resolución plenaria do 24 de xullo de 2003 na que se aprobou unha permuta de terreos con Mahía como addenda ao convenio urbanístico para a zona do Baño.
O alcalde, Xosé Fernández Barcia, lembrou que aquel acordo non contou co apoio seu nin co do seu grupo, afirmando que foi lesivo para os intereses do Concello, xa que “non se valorou o contido da parcela”, é dicir, o pazo, inventariado como inmóbel público no rexistro da propiedade.
O rexedor explicou que Mahía se viu na obriga de reverter temporalmente ao Concello a propiedade do pazo para axustar ao PXOM o proxecto de vivendas desenvolvido no Baño. Posteriormente a inmobiliaria negociou a permuta coa administración municipal.
O prazo para impugnar unha resolución plenaria é de catro anos, que neste caso se cumpría o vindeiro día 24. Mahía ten dez días para formular alegacións, que se estudarán novamente no Pleno. Caso de que sexan desestimadas, o Concello presentará, no prazo de dous meses, un contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza reclamando a titularidade do Pazo das Condesas e da súa parcela. “Soamente pretendemos recuperar o que é de todos os veciños de Mugardos”, concluíu Barcia.