Publicada o Martes 24 de Xullo de 2007 en Urbanismo
O Pleno do Concello de Mugardos acaba de aprobar, nunha sesión extraordinaria realizada este martes 24 de xullo, con cinco votos a favor (5 BNG), seis abstencións (3 PSOE, 3 PP) e dous en contra (1 IU, 1 IpM), declarar lesivo o acordo plenario de xullo de 2003, no que se aprobou a addenda ao convenio urbanístico do Baño coa inmobiliaria Mahía e polo cal se permutaba, sen a preceptiva valoración económica, a parcela do Pazo das Condesas por un terreo nas súas inmediacións.
O Pazo das Condesas, tanto a parcela como a edificación en si, figura tanto no rexistro como no catastro e no plan parcial do Baño como propiedade do Concello de Mugardos. A propia inmobiliaria recoñecera por escrito, o 5 de marzo de 2004, un ano despois de aprobarse a addenda, que tanto a parcela como o edificio que contén pertencen ao Concello.
Mahía presentou onte mesmo, no derradeiro día do prazo, unhas alegacións que foron desestimadas en función dun informe xurídico encargado pola Alcaldía. Contra este acordo non cabe recurso por parte da empresa. O Concello presentará agora un recurso contencioso-administrativo perante os tribunais para que se lle devolva de xeito definitivo a titularidade do pazo. Así mesmo, o grupo de goberno proporá proximamente ao Pleno a súa ocupación, mediante a elaboración dun plano de usos, cuxa primeira medida consistirá en abrir os xardíns ao público.
O equipo de goberno manifestou a súa satisfacción pola decisión tomada hoxe polo Pleno, que supón un primeiro paso cara á recuperación dun espazo que é para uso e desfrute dos veciños e veciñas de Mugardos.