Concello de Mugardos

Actualidade

Vicepresidencia subvencionará a rehabilitación da escola dos Novás

Publicada o Sábado 28 de Xullo de 2007 en Cultura

A Concellaría de Cultura comunica que acaba de recibir unha subvención por parte da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar da Xunta de Galiza para rehabilitar a antiga escola unitaria dos Novás (A Pedreira), co fin de destinala a local de ensaio e centro social. A cantidade concedida pola administración autonómica ascende a 125.000 €, case que a totalidade do orzamento do proxecto (129.000).

O Concello procederá decontado á licitación das obras, consistentes na creación un local de ensaio insonorizado dotado de batería e medios musicais, así como de almacéns para o material dos grupos e unha sala de usos múltiples con recursos audiovisuais para uso das sociedades veciñais, socioculturais e deportivas. Terá unha reurbanización das áreas axardinadas para uso social (parque infantil e áreas de lecer). Os traballos deberán estar rematados antes do 30 de novembro de 2007.

Esta importante actuación responde á demanda deste tipo de locais que existe entre a mocidade mugardesa, e que está a ter unha actividade moi intensa no eido musical, como testemuñan a actual profusión de grupos e o festival Peirao Rock que se organiza cada verán na vila.

Segundo explicou a concelleira de Cultura, Carolina Cruz, o Concello ten solicitada igualmente unha axuda á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte para levar a cabo unha actuación similar na escola das Fieiteiras.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2008 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS