Concello de Mugardos

Actualidade

O Pleno aproba a compra do Cine Zárate

Publicada o Sábado 29 de Setembro de 2007 en Xeral, Urbanismo, Patrimonio, Cultura, Asuntos Sociais

O Concello de Mugardos acaba de aprobar, na súa sesión plenaria celebrada o venres 21 de setembro, aceptar a subvención da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar da Xunta de Galiza para adquirir a parcela do Cine Zárate, que pasará a ser un centro de día para maiores. O departamento que dirixe Anxo Quintana achega 580.000 euros. O Concello, unha vez que se formalice a compra nos vindeiros días, procederá á redacción do proxecto da obra, cuxo financiamento tamén correrá a cargo da Xunta.

Previamente á realización dos traballos, deberá efectuarse unha modificación puntual ao PXOM, que outorgará ao resto das parcelas —nas que nestes momentos non se pode nin sequera rehabilitar— que compoñen o polígono no que se atopa o cine a mesma cualificación urbanística que o resto do casco antigo.

O alcalde, Xosé Fernández Barcia, dixo que era “un día histórico para Mugardos, xa que se deu o primeiro paso para a recuperación dun edificio emblemático, que nos vai dar ademais unha infraestrutura social moi necesaria como é o centro de día”.

A concelleira de Benestar Social, Anxos Díaz, sinalou pola súa banda que o centro de día ía sumarse á vivenda sociocomunitaria nestes momentos en construción na zona das Casas Baratas, e que permitirá acoller unha ducia de persoas maiores non dependentes, para proporcionar a Mugardos uns servizos sociais de primeiro nivel.

A aceptación da subvención da Vicepresidencia recibiu o apoio de BNG, PSOE e PP, e o voto en contra de IU e IpM.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2008 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS