Concello de Mugardos

Actualidade

Créase un servizo piloto de transporte adaptado

Publicada o Venres 12 de Outubro de 2007 en Asuntos Sociais

Os concellos de Mugardos e Ares porán en marcha de forma conxunta un servizo de transporte adaptado para persoas maiores ou con mobilidade reducida. Esta iniciativa, que será desenvolvida pola Asociación Sociocultural de Minusválidos, comezará a funcionar de xeito experimental no vindeiro mes de decembro.

Os obxectivos cos que nace son os de facilitar a este sector da poboación o acceso normalizado aos servizos e recursos sociais; promover a dispoñibilidade de recursos de apoio para aliviar a situación das familias coidadoras, o acompañamento a xestións e a realización de diversos trámites; apoiar aos dous concellos para facer fronte a situacións de dependencia e axudar os veciños con dificultades de desprazamento; e estabelecer unha estratexia de compensación territorial que reequilibre os recursos de acceso e atención para persoas dependentes.

Unha furgoneta adaptada será a encargada de facer os traxectos, nos que viaxarán, co obxectivo de que o servizo funcione correctamente, un monitor e, loxicamente, o condutor do vehículo. Estas persoas serán as encargadas de recoller os usuarios nos seus domicilios, trasladalos aos diferentes lugares e facer o camiño de volta ás súas casas; Acompañalos física e socialmente na tramitación de xestións, e apoialos para o desenvolvemento das diferentes actividades.

As persoas interesadas poden solicitar o transporte telefónica ou persoalmente dirixíndose á persoa responsábel do servizo —terá un coordinador e un telefonista—, cun prazo mínimo de antelación dun día hábil, indicando o lugar de recollida, o destino e as horas de saída e chegada.

O novo servizo funcionará de luns a venres en xornada partida. Os seus custos serán asumidos de forma conxunta polos dous municipios e polos usuarios.

A concelleira de Benestar Social, Anxos Díaz, manifestou que esta iniciativa, ademais de supor un paso importante na creación dunha rede de servizos sociais de calidade, era unha mostra da colaboración que poden levar a cabo as entidades locais en temas de interese común.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2008 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS