Rematan as obras da vivenda sociocomunitaria
Publicada o 6 de Novembro de 2007 en Asuntos Sociais
A Concellaría de Benestar Social comunica que xa remataron as obras de construción da vivenda sociocomunitaria do Concello de Mugardos, situada na zona das Casas Baratas, fronte ao cuartel da Garda Civil (emprazamento tamén das futuras vivendas sociais).
Esta instalación dará cabida a até seis persoas maiores que vivan soas ou persoas con discapacidade non dependentes, en cuartos individuais, con zonas de uso común. O Concello está a traballar agora no regulamento que permita asignar as prazas da vivenda, cuxo mobiliario se instalará en breve. A concelleira de Benestar Social, Anxos Díaz, agarda que a principios de ano poida ser ocupada, e sinalou que esta infraestrutura, xunto co futuro centro de día e a ampliación do servizo de axuda a domicilio que prevé levar a cabo o seu departamento, contribuirá a dotar a Mugardos duns servizos sociais de primeira calidade.
O orzamento da actuación ascende a 78.888,42 €, financiado con fondos provinciais.
