Ábrense as convocatorias das actividades para maiores
Publicada o 23 de Novembro de 2007 en Asuntos Sociais
A Concellaría de Benestar Social comunica que está aberto o prazo de solicitudes para o Programa de Termalismo Social do IMSERSO 2008, para persoas que non solicitaron en convocatorias anteriores, tal e como segue:
- Até o 16 de xaneiro de 2008 con prioridade na adxudicación de praza nos meses de marzo até agosto de 2008.
- Ata o 16 de maio de 2008 con prioridade na adxudicación de praza nos meses de setembro a decembro de 2008.
- Ata o 31 de outubro de 2008 para a súa inclusión na orde que corresponda na lista de espera.
Así mesmo, tamén se pon en coñecemento que está aberto o prazo de inscrición nos obradoiros dos maiores 2008, que para este ano son teatro, memoria, lectura e escritura, internet, psicomotricidade e fotografía.
As persoas interesadas poderán informarse no departamento de Servizos Sociais do Concello, no 2º andar ou no teléfono 981 470 338.
Do mesmo xeito, permanece aberto o prazo de presentación de solicitudes até o 23 de novembro para o programa da Vicepresidencia da Xunta de Galiza “Xuntos polo Nadal”, destinada ás persoas maiores de 60 anos que, valéndose por si mesmas e contando con escasos recursos económicos, non teñan con quen pasar o Nadal.
Lembramos tamén que está aberto o prazo de presentación de solicitudes para o Curso de Linguaxe de Signos de Nivel Intermedio até o 30 de novembro de 2007.
