Concello de Mugardos

Actualidade

A Consellaría de Vivenda de Solo licita a construción de 9 vivendas protexidas

Publicada o Mércores 19 de Decembro de 2007 en Asuntos Sociais

A Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza, dirixida por Teresa Táboas, licita por 838.236 € a construción de 9 vivendas protexidas de promoción pública no Concello de Mugardos. O Diario Oficial de Galiza publicou onte o anuncio para a contratación desta obra, que terá un prazo máximo de execución de 24 meses.

As empresas interesadas deberán presentar as súas ofertas na Consellaría de Vivenda e Solo en Santiago de Compostela (Polígono de Fontiñas, Área Central s/n) antes das 14:00 horas do 14 de xaneiro de 2008.

Estas 9 vivendas serán construídas nunha parcela de 680 metros cadrados, cedida polo Concello de Mugardos, situada no barrio de Santa Lucía entre as rúas Fene e Eduardo Pondal. Son vivendas unifamiliares acaroadas de dúas plantas, cunha superficie útil de 77 metros cadrados e contan con 2 dormitorios e 2 baños. Todas teñen praza de garaxe e rocho situados no semisoto.

O proxecto inclúe un local, na esquina das rúas, cunha superficie útil de 43 metros cadrados, que será cedido ao Concello para realoxar as oficinas da Garda Civil, que xa estaban situadas nesta parcela nunha construción anterior.

A Consellaría de Vivenda e Solo promove a construción de vivendas protexidas de promoción pública dirixidas a persoas ou unidades familiares ou convivenciais cuns ingresos ponderados de entre 0,7 e 2,5 veces o Indicador de Rendas de Efectos Múltiples (IPREM), é dicir até 15.000 € anuais aproximadamente. Os solicitantes deberán residir ou ter o seu posto de traballo no Concello no que se constrúen as vivendas.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2008 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS