Concello de Mugardos

Actualidade /

Adxudícanse as obras de renovación da auga na Avenida de Galiza

Publicada o 2 de Maio de 2008 en Servizos, Obras

A Concellaría de Obras comunica que na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe aprobouse, entre outros asuntos, a adxudicación dos traballos de renovación da rede de abastecemento de auga na Avenida de Galiza, no tramo Contramestre Casado-Cano da Rúa (marxe da Casa do Concello). A empresa adxudicataria foi CONCIFA, por un orzamento de 37.000 €. É intención desta concellaría que os traballos estean rematados antes da fin da primavera.

Esta iniciativa enmárcase no Plano de Obras e Servizos complementario de 2007, subvencionado polo Concello e a Deputación da Coruña, e é unha das últimas actuacións que faltan para completar a renovación total da rede, na que se levan investidos case que 700.000 euros desde 2003.

A rede de augas de Mugardos estaba construída na súa maior parte con material de fibrocemento, que xa se atopaba moi deteriorado, o que ocasionaba fugas e roturas constantes. Durante o anterior mandato efectuouse a súa substitución por PVC en importantes tramos do municipio. Deste xeito, os depósitos de auga do Baño e as rúas dos Corzás, O Peteiro, A Xesteira, Castelao, As Fieiteiras, Os Casás, Celso Emilio Ferreiro, As Barcias e O Xuncedo renováronse totalmente.

Agora só quedan por substituír parte da rúa Curros Enríquez, obra xa contemplada nos orzamentos de 2008 e en fase de contratación, e pequenos tramos do casco urbano, como O Pixigo, Os Catro Ventos e O Cotellón.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2010 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS