Concello de Mugardos

Actualidade

Saen a licitación as beirarrúas da Pedreira

Publicada o Xoves 13 de Xullo de 2006 en Obras

O mércores 24 de maio foi publicado no DOG o anuncio de licitación das obras de construción de beirarrúas na zona da Pedreira (Mugardos-Rilo), no tramo correspondente da estrada AC-133, de titularidade autonómica.

O orzamento total destas obras ascende a 493.000 €, téndose comprometido a Xunta a reinvestir a baixa que se produza no concurso en melloras da propia obra. O custo da redacción do proxecto foi asumido polo Concello de Mugardos, así como a recollida das cesións por parte dos propietarios colindantes. O prazo de execución a partir do comezo das obras é de cinco meses.

Este anuncio vén culminar un longo proceso de xestión por parte do goberno municipal, comezado co anterior goberno da Xunta e prolongado co actual bipartito. O pasado 16 de marzo, o Consello da Xunta presidido polo nacionalista Anxo Quintana xa validara definitivamente o convenio entre as administracións local e autonómica no que se insire esta actuación.

Estas obras responden a unha necesidade tan básica como é dotar de seguridade viaria a todas as persoas que transitan por esa estrada, que viña sendo demandada desde había moitos anos pola cidadanía de Mugardos. Actualmente o equipo de goberno está a xestionar perante a Xunta a construción do resto dos tramos afectados da AC-122 e a AC-133, nomeadamente nas zonas de Franza e San Xoán de Piñeiro.

O concelleiro de Obras, Moisés Rivadulla, quixo expresar o seu agradecemento a todos os propietarios das parcelas colindantes coa estrada, que cederon gratuitamente os terreos para esta nova beirarrúa.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2008 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS