Publicada o Sábado 15 de Xullo de 2006 en Obras
A Mesa de Contratación do Concello de Mugardos resolveu o pasado venres 14 de xullo adxudicar as obras de construción da rede de sumidoiros no Vilar (Franza) á empresa Pascual Martínez S.L., por un importe de 175.248 €. Este saneamento é o máis importante dos que aínda quedan sen facer no municipio, e beneficiará a máis de medio cento de persoas. A obra insírese no Plano de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña, e a baixa económica que se produciu na licitación será utilizada proximamente para outras actuacións do plano complementario, a separación da rede de augas pluviais nas rúas María e Real.
Así mesmo, os adxudicatarios dos traballos de reposición da rede de augas nos Casás e As Fieiteiras foron as empresas Aquagest e Aldasa, cun orzamento respectivo de 47.081 e 54.781 euros.