O Concello remite á Deputación o proxecto da piscina
Publicada o 16 de Novembro de 2006 en Deportes
A Concellaría de Deportes comunica que o Concello de Mugardos acaba de aprobar e remitir á Deputación da Coruña, unha vez rematados todos os estudos xeotécnicos e arqueolóxicos necesarios, o proxecto da piscina municipal, valorado en 1.654.700,12 €, dos que a institución provincial aportará 1.500.000. O resto dos gastos serán asumidos polos concellos de Ares e Mugardos, ao 50%. O concelleiro de Cultura e Deportes, Evaristo Deus, sinalou que este proxecto dotará a Mugardos “dunha infraestrutura deportiva de primeira calidade e pioneira na comarca canto a calidade construtiva”. O edificio integrarase de xeito harmonioso no contorno e estará provisto de placas solares.
Este espazo deportivo e de lecer virá cubrir a forte demanda existente dunha instalación destas características nos dous municipios. Agora co proxecto en mans da Deputación, terá que ser este organismo quen contrate as obras antes de que remate o ano. O seu prazo de execución unha vez adxudicadas é de doce meses, co que é previsíbel que a piscina entre en funcionamento en 2007.
