Publicada o Venres 17 de Novembro de 2006 en Obras
A Concellaría de Obras comunica que a Xunta de Goberno Local celebrada hoxe venres 17 de novembro adoptou, entre outros acordos, o de iniciar os procesos de contratación das obras de abastecemento de auga a San Xoán de Piñeiro, en ambas as dúas marxes da AC-122, e de saneamento do tramo de Rilo do Camiño do Francés.
O abastecemento de auga a San Xoán de Piñeiro era unha demanda histórica desa parroquia, e para ela habilitouse unha partida orzamentaria de 244.785 €, que se destinarán á construción da rede necesaria para subministrar ás vivendas situadas en ambas as dúas marxes da estrada principal, a AC-122, que representan case que a metade das existentes na zona. O prazo de execución das obras unha vez adxudicadas é de cinco meses, polo que é intención do goberno local que este servizo comece a funcionar a principios de 2007.
As obras de saneamento en Rilo, pola súa banda, consisten en ampliar a rede de sumidoiros a un tramo do Camiño do Francés que aínda carece del, no que se atopan 14 vivendas. A actuación ten un orzamento de 42.128,95 €, e un prazo de execución de tres meses.