Publicada o Martes 28 de Novembro de 2006 en Asuntos Sociais
A Concellaría de Asuntos Sociais comunica que na Xunta de Goberno Local celebrada este luns día 27 de novembro adoptouse, entre outros acordos, o de iniciar o proceso de licitación das obras do Plano Especial de Eliminación de Barreiras Arquitectónicas 2006. Estas consistirán na adaptación á normativa de accesibilidade dos colexios públicos de Catro Camiños (Mugardos) e Santiago Apóstolo (Franza), así como do Centro Cívico. En ambos os dous centros educativos acondicionaranse os accesos e mais os aseos, e instalaranse ascensores. No Centro Cívico actuarase nos aseos.
O orzamento total desta iniciativa ascende a 197.813,41 €, repartidos do seguinte xeito: colexio de Catro Camiños 101.411, 28 €, colexio de Franza 82.585,4 € e Centro Cívico 13.816,73 €.
Esta importante actuación, sufragada integramente pola Deputación da Coruña (agás o custe do proxecto, que asumiu o Concello), vense sumar aos traballos xa desenvolvidos durante esta lexislatura pola concellaría que dirixe Margarida Corral referentes á accesibilidade, como a creación de accesos á praia da Bestarruza ou a adecuación de prazas de aparcamento, que fixeron que Mugardos teña actualmente a maior porcentaxe de aparcadoiros para discapacitados de toda a comarca.
As obras, que poderían adxudicarse antes de fin de ano, deberán estar rematadas no verán de 2007.